Quen somos?

A Asociación Cultural Cultura do País nace impulsada por un grupo de persoas de diferentes idades, eidos de traballo e formativos que se decidiu por facer activismo cultural na cidade de Lugo, enchendo un oco que se consideraba baleiro ou insuficientemente satisfeito: a promoción da cultura do propia de Galiza dende unha perspectiva autocentrada, dende a recuperación das tradicións populares até a posta en valor de feitos históricos, personaxes, celebracións e acontecementos da nosa cultura, tendo coma principal bandeira a defensa da lingua coma elemento simbólico e crucial na conformación da cultura galega.

Isto explica o nome da Asociación: “Cultura do País”. Nun período coma o actual no que os procesos globalizadores impoñen modelos culturais estereotipados e de orixe foránea, uniformizando modelos de conduta, actividades sociais e mesmo o pensamento, cómpre que se creen eidos de proxección e posta en común de activos culturais harmoniosos co contorno social que nos rodea, que permitan o mantemento de formas culturais propias, que reflicten unha identidade propia, a identidade cultural diferencial de Galiza.

Asimesmo, cómpre recuperar e dar a coñecer os textos básicos do pensamento galego, creando un espazo de reflexión non só sobre a nosa identidade senón tamén da súa incardinación na definición dun concepto de cidadanía galega, que será obxecto de análise a través da nosa actividade.

Somos conscientes que unha parte importante da sociedade galega é descoñecedora de moitos dos seus principais sinais de identidade, dos acontecementos históricos, literarios ou científicos en relación co país. Polo tanto, a lingua e cultura galegas, a vontade de aprender, de difundir e recuperar os nosos costumes, a nosa historia, a nosa música… serán os nosos eixos de traballo. Neste sentido pensamos desenvolver a nosa actividade dende este preciso momento.

Deste xeito, aspectos como a lingua galega, a historia de Galicia, a ciencia, as artes, a literatura, o cinema, a música, a pintura… serán obxecto de actividades, cursos, seminarios, etc. organizados por esta asociación, cos fins iniciais descritos. Na mesma liña, prestárase tamén atención á promoción e estudo de actividades relacionadas coa memoria histórica en Galiza.

Para isto desenvolveremos un programa de actividades baseado na organización de charlas-coloquio, obradoiros e actos públicos con persoas destacadas da cultura e especialistas de distintos eidos de traballo cultural.

Tamén poremos en marcha ferramentas de comunicación social monolingües en galego instaladas nas novas tecnoloxías para a difusión da cultura galega e das actividades da asociación entre toda a poboación.

Amosámonos abertos á colaboración con outras asociacións que teñan uns fins análogos e estean radicadas na localidade ou na comarca, tecendo lazos que fagan medrar e socializar a nosa cultura.