Comezando o 2017: o TTIP e obradoiro de defensa persoal

Comezamos un novo ano en Cultura do País coa presentación do libro colectivo O TTIP. Un cabalo de Troia contra a nosa soberanía, editado por Laiovento e que conta con contribucións, entre outros/as, de Bernardo Valdês e de Mar Pérez Fra, profesores de Economía Aplicada da USC e socios da nosa Asociación. O acto de lanzamento do libro terá lugar o martes 10 de xaneiro ás 20:30 no Lar da Cultura do País, no que contaremos coa presenza de Bernardo Valdês, un dos coordenadores da obra.

O sábado 14 de xaneiro teremos no Lar unha nova edición do obradoiro de defensa persoal impartido por Isaac Castro. O curso desenvolverase en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 hs., cun custo de 20 euros (15 euros para socios/as de Cultura do País). Podédesvos inscribir até o xoves 12 de xaneiro en culturadopais@gmail.com.

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Comezando o 2017: o TTIP e obradoiro de defensa persoal

Xoves 29 de decembro: Ruada do Apalpador

O vindeiro xoves 29 de decembro chega o Apalpador a Lugo procedente das montañas do Courel e fará un percorrido polas rúas máis céntricas e os locais sociais da cidade. Por iniciativa do centro de ensino Semente Lugo, do que Cultura do País fai parte como entidade asociada, e en colaboración co Mádia Leva e co Ateneo A Engranaxe, acompañaremos ao noso personaxe de referenza no Nadal no seu roteiro pola cidade.

A ruada comezará ás 18:00 no Mádia Leva, facendo paradas no Mercado de Nadal e principais prazas do recinto amurallado da cidade, para rematar o percorrido no Lar da Cultura do País. Animámosvos a facer parte da comitiva cos vosos instrumentos musicais e encher de ledicia a xornada, na que o Apalpador repartirá castañas e contará contos ás crianzas asistentes.

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Xoves 29 de decembro: Ruada do Apalpador

Domingo 18 de decembro: obradoiro de danza contemporánea

O domingo 18 de decembro temos no Lar da Cultura do País un novo obradoiro de iniciación á danza contemporánea impartido por María José Pérez González. Os aspectos que se ensinarán nesta actividade son: coñecemento elemental do propio corpo, estiramentos, coordenación entre movemento e música, traballo de escoita individual e colectiva e procura da expresión a través do movemento corporal. O obradoiro comezará ás 17:00 hs. e prolongarase até as 20:30 hs. e ten un custo de 15 euros por persoa (10 euros para socios/as de Cultura do País). Podédesvos inscribir até o venres 15 de decembro en culturadopais@gmail.com

María José Pérez González, Licenciada en Humanidades pola USC é socia de Cultura do País. Formouse en danza contemporánea na USC, de onde formou parte das súas compañía de danza con pezas como: A Escoita do corpo, 5 elementos, Clic ou A onde se fugan os valentes. Como creadora, directora artística, coreógrafa e intérprete ten participado en compañías de danza independente como Zur2-Danza, KAOS ou LEMBRANZAS. Dirixiu a función multidisciplinar Feito de terra e máis de amor, que desde Cultura do País promovemos como homenaxe ao poeta Manuel María o pasado 15 de maio.

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Domingo 18 de decembro: obradoiro de danza contemporánea

Novembro: Manifesto de Lugo e Galegos nas guerras do Rif

manifesto-de-lugoOutro ano máis Cultura do País celebra o Aniversario do Manifesto de Lugo. Desta volta, coincidindo ademais coa efeméride centenaria da fundación das Irmandades da Fala, programamos unha fin de semana completa de actividade.

O venres 18 de novembro, coincidindo co aniversario da sinatura do Manifesto de Lugo, terá lugar a tradicional ofrenda floral diante do Hotel Méndez Núñez, cuxa convocatoria conta coa adhesión este ano de novos colectivos con presenza na cidade.

O sábado 19 de novembro será o día grande de celebración do 98º Aniversario do Manifesto de Lugo. A actividade comezará ás 12:00 hs. no Lar da Cultura do País cun obradoiro de regueifas impartido pola cantautora Alba María. O prezo do obradoiro é de 10 euros (5 euros para socios/as de Cultura do País).

Ás 21:00 hs. proxectaremos na Fábrica de Sons (R/Paxariños, 43) o filme de cinema mudo ‘Miss Ledyia’ (1916, primeira cinta galega de ficción), coa actuación do pianista Severiano Casalderrey. Despois do cinema (22:00 hs.) daremos conta dunha cea cocktail no Lar da Cultura do País, co custo de 15 euros (12 euros socios/as 14324372_1785748195039749_4979808828127031222_ode Cultura do País), para rematar a xornada coa xa tradicional Festa Dandi, que terá lugar ás 23:00 no Bodegón A Fouce (R/ Ramón Montenegro, 2). Nesta VII edición dos Premios Dandi -que galardoarán con magníficas pezas de artesanía do país ás persoas asistentes mellor caracterizadas coa estética dandi dos anos 20- contaremos coa actuación do dúo Touciño Blues, formado por Alba María (voz) e Queco Díaz (guitarra). A entrada é de balde.

irmandadesO domingo 20 de novembro ás 12:00 temos programada unha visita en grupo á exposición ‘Saúde e Terra, Irmá(n)s!’, na Sala Multiusos do Pazo de San Marcos. Como colofón aos actos arredor do Manifesto, o luns 21 de novembro ás 20:00 no Lar da Cultura do País Emilio Ínsua presentaranos o seu libro ‘A nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931)’, publicado en Baía Edicións.

14922964_10205709445174985_1890851501_oA actividade continuará no Lar o venres 25 de novembro ás 20:00 hs. coa presentación do libro ‘Galegos nas guerras do Rif. Paisaxe bélica e imaxinario anticolonial (1860-1927)’, acto no que o autor, o historiador Dionisio Pereira, presentará as crónicas de Xosé Ramón e Fernández Oxea ‘Ben Cho Shey’, Otero Espasandín, Rafael Dieste e outros galeguistas mobilizados na contenda bélica.

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Novembro: Manifesto de Lugo e Galegos nas guerras do Rif

Luns 31 de outubro: Lugo de Medo

lugodemedo2016v2

Como xa vén sendo habitual nestas datas de Samaín, Cultura do País prepara unha nova edición da actividade que denominamos Lugo de Medo, arredor das historias fantásticas ou de terror. Desta volta organizamos un Roteiro Pantasma, no que percorreremos os edificios que xa non están e máis os edificios abandonados polas administracións. O punto de encontro é ás  21:00 hs. no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5). Ao remate, ao remate, escorrentaremos cun caldo o medo e o frío.

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Luns 31 de outubro: Lugo de Medo

Domingo 23 de outubro: roteiro por Begonte

14713615_1175165079245117_4054353914650146347_n

Desde Cultura do País, como entidade adherida ao Proxecto Ríos -iniciativa de educación ambiental e participación cidadá en defensa dos ríos promovida por ADEGA-, organizamos o vindeiro domingo 23 de outubro unha inspección do río Ladra ao seu paso por Begonte. Trátase dunha avaliación pormenorizada do seu estado e características (velocidade da auga, caudal, canle, vexetación, fauna e flora…) nun treito de 500 m. do río seleccionado. Esta actividade complementarase cun roteiro polos caneiros do río Ladra.

Xuntarémonos ás 9:30 diante da Facultade de Formación do Profesorado para repartirnos en carros e dirixirnos ao Clube Fluvial de Begonte, onde comezaremos a actividade. Trátase dun roteiro de baixa dificultade. Recoméndase levar roupa e calzado cómodos, así como bebida e comida para comer durante o roteiro. Podédesvos inscribir até o xoves 20 de outubro en culturadopais@gmail.com

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Domingo 23 de outubro: roteiro por Begonte

8 e 9 de outubro: fútebol gaélico e II Congreso Froilanista

14469444_10207306565398755_2279889495883918930_nXa están aquí de novo as “festas máis belas do outono galego”: o San Froilán. Como xa vén sendo tradición, isto significa o comezo dunha nova tempada da Liga Gallaecia de fútebol gaélico mixto, na que compite a nosa equipa, os Torques de Lugoslavia. A xornada inaugural da tempada 2016-2017 terá lugar o vindeiro sábado 8 de outubro no Campo de Nadela a partir das 16:00 co partido entre a equipa local, os Torques, e o Cascarilha da Coruña. Ás 18:00 xogará o actual campión de Liga, O Condado, contra o Suévia de Compostela. A xornada rematará co partido das 20:00 entre Afiadoras de Ourense e Ambílokwoi de Vigo. Finalizada a competición, as xogadoras reuniranse no Bodegón A Fouce para celebrar o terceiro tempo a partir das 22:00 hs.

O domingo 9 de outubro o froilanismo será o protagonista, coa celebración do II 14572247_898642833599555_5969399069875961262_nCongreso do Partido Froilanista, cuxa destacada expansión organizativa permitirá que celebre o primeiro congreso da súa póla feminina, as Federiquistas. Será este evento o que abra os fastos de celebración da xornada froilanista, ás 17:00 no Lar da Cultura do País. Ás 18:00 terá lugar a ofrenda e acto de afirmación onda a Capela de San Froilán e ás 19:00 o II Congreso, que leva como palabra de orde “Pronuncie-se Maxestade”. Clausuraranse as ponencias co Baile-Asalto que a partir das 20:00 hs. no Bodegón A Fouce amenizará o Puto Coro do Exército Froilanista, máis DJ e foliada; así como o Banquete de Lugo (22:00 hs. no Lar da Cultura do País). Podédesvos inscribir no banquete en culturadopais@gmail.com. As adhesións á causa froilanista podédelas facer no evento de facebook do Congreso.

 

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en 8 e 9 de outubro: fútebol gaélico e II Congreso Froilanista

Mércores 28 e venres 30: benvida a Lugo e Barriga Verde

14284838_10205355086236233_1259920166_o

Devezando a chegada das que Cunqueiro nomeou “festas máis belas do outono galego”, continuamos a actividade en Cultura do País apurando estes últimos días de setembro.

O vindeiro mércores 28 de setembro organizamos a partir das 16:00 hs., en14446284_10205465669400743_810452185_o colaboración cos colectivos universitarios Proxéctate en Galego e Erguer Estudantes da Galiza-Campus de Lugo, a xa tradicional xornada de benvida a Lugo das estudantes de intercambio, que contará con roteiros guiados polo Campus e máis polo centro histórico da cidade. Os puntos de encontro dos roteiros son a Biblioteca Intercentros (16:00 hs.) para coñecer o Campus e a Facultade de Formación do Profesorado (18:00 hs.) para o roteiro pola cidade. A xornada rematará ás 20:00 hs. no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, 1 -baixo 5) cunha recepción gastrofestiva na que se dará a coñecer a música tradicional e a gastronomía galega.

Pecharemos o mes de setembro cunha actividade de ambientación da historia e da memoria do San Froilán, coa palestra de Germam Ermida titulada ‘Barriga Verde. Um património incómodo’, sobre o mítico espectáculo de monicreques dirixido por José Silvent nas décadas centrais do século XX; función que todos os anos se representaba nas festas do San Froilán. Este acto terá lugar o venres 30 de setembro a partir das 20:30 hs. no Lar da Cultura do País. 

‘Morreu o demo! acabouse a peseta!’

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Mércores 28 e venres 30: benvida a Lugo e Barriga Verde

10 e 11 de setembro: roteiro por Arousa

IIArousaEn Cultura do País estiramos o tempo de lecer do verán cunha nova viaxe á ría de Arousa, cunha programación de fin de semana na Illa de Arousa, Cambados e Catoira. Sairemos o sábado 10 de setembro ás 9:30 de diante da Facultade de Formación do Profesorado, onde nos repartiremos en carros. Visitaremos a Casa Museo de Ramón Cabanillas en Cambados e faremos un roteiro adicado ao poeta no que visitaremos a Torre de San Sadurniño, feudo do trovador medieval Paio Gómez Chariño e escenario das revoltas irmandiñas. Xa pola tarde, embarcaremos na Illa de Arousa até o illote Guidoiro Areoso, que atesoura importantes achádegos arqueolóxicos da Idade do Bronce. Remataremos a xornada cunha visita aos furanchos da zona.

O domingo, despois dun paseo polo Parque Natural de Carreirón, apreciaremos os produtos da ría cunha mariscada. De volta para Lugo faremos unha parada en Catoira para visitar as Torres de Oeste, construídas no S. XI para a defensa contra as invasións viquingas.

O custo da actividade é de 70 euros (65 euros para socios/as de Cultura do País). Inclúe aloxamento na Illa de Arousa, entrada á Casa Museo de Cabanillas, viaxe en barco até Guidoiro Areoso e mariscada. Podédesvos inscribir en culturadopais@gmail.com até o mércores 7 de setembro. Lembrade indicar un teléfono de contacto.

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en 10 e 11 de setembro: roteiro por Arousa

Xuño: Copa Gallaecia, Plantando na Muralla e Lume Novo

murallaeucaliptos2

En Cultura do País encaramos a recta final do curso cun mes de xuño completo de actividade.

O vindeiro sábado 11 de xuño a partir das 11:00 hs. no Campo de Nadela terá 12871495_292269614439855_807324587334694884_nlugar a primeira edición da Copa Gallaecia, competición oficial eliminatoria da Liga Gallaecia de fútebol gaélico, na que participa a nosa equipa, as Torques de Lugoslavia. As seis equipas que participan repartiranse en dous grupos consonte a clasificación ligueira, de tal forma que á nosa equipa lle corresponde enfrontarse co Ambílokwoi de Vigo e máis Cascarilha da Coruña para poder acceder ás semifinais que terán lugar pola tarde. Como é habitual, a competición rematará coa celebración do terceiro tempo e confraternización entre as equipas no Bodegón A Fouce. Acudide torcer polas Torques!

O 18 de xuño celebraremos, como é habitual, o xantar celta para concentrarmos as forzas resistentes contra a ocupación romana polo Arde Lucus. Desta volta, ademais, conxuntamente con ADEGA e Mariña Patrimonio organizaremos unha plantación de eucaliptos no adarve da Muralla de Lugo. Con este acto pretendemos visibilizar a destrución masiva e indiscriminada do noso patrimonio arqueolóxico a mans da industria forestal. 

Aproveitando a xornada de festa do Arde Lucus, na que moita xente en Lugo cambia de rol e pasa de ser un mesmo a converterse en sacerdotisa, senador romano ou guerreiro celta, os asistentes a este acto reivindicativo na muralla converterémonos por uns momentos en axentes da industria do eucalipto. Como bos destrutores do patrimonio, ao berro de “ningún xacemento sen eucaliptos”, procederemos á eucaliptización da muralla luguesa e, imitando os procedementos da industria forestal, farémolo sen pedir permiso a Patrimonio. A plantación terá lugar ás 13.00h no adarve da muralla, no treito que vai da Porta Miñá (Tinería) á Porta do Bispo Odoario ou do Hospital. Ao remate celebraremos o xantar celta no Lar da Cultura do País. Para rematar a xornada, tras o xantar, faremos unha visita guiada á parroquia lucense de Adai para coñecer o seu impresionante patrimonio arqueolóxico. O prezo do xantar é de 12 euros. Podédesvos anotar en: culturadopais@gmail.com ou mr.patrimonio@gmail.com ou no teléfono 619 553 236 (Miguel).

O o 23 de xuño pola noite… Lume Novo Asociativo. Máis un ano, conxuntamente con outras asociacións da cidade, celebraremos o solsticio de verán! Seguiremos informando sobre horario e lugar.

 

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Xuño: Copa Gallaecia, Plantando na Muralla e Lume Novo