Salva o xacemento da Pena Grande

Como probablemente coñezas polos medios, o Ministerio de Facenda vai poñer á venda por terceira vez un inmoble no concello de Vilalba que contén os que probablemente sexan os restos máis importantes do Paleolítico Superior galego: o xacemento da Pena Grande.

Consideramos que esta situación non se debería ter dado. As institucións públicas están a incumprir o seu deber de velar polo patrimonio cultural do noso país dunha forma tan obscena como o é alienando o que xa era unha propiedade pública. Que lles impide mañán vender o castro de Viladonga, o dolmen de Dombate ou o petróglifo de Mogor? É insultante que pretendan facer caixa a costa do patrimonio do pobo galego.

A nosa esperanza é que alguén entre en razón e retiren o ben da poxa. Mais se isto non se produce, nós articularemos unha última vía para evitar que este patrimonio acabe en mans de intereses especulativos que poidan afectar á súa integridade. Non sería a primeira vez, só hai que lembrar as múltiplas denuncias que o asociacionismo galego en defensa do patrimonio ten presentado en relación a xacementos convertidos en eucaliptais ou canteiras.

Pensamos que a sociedade civil, ante a situacións deste tipo, non debe ficar parada nin laiándose, e debe dar resposta desde unha óptica auto-organizada. De aí o lema que escollemos para esta campaña: “Esperta do teu sono”, que ademais fai referencia a un verso do himno nacional.

Que podes facer para apoiar a campaña?
Podes facer achegas económicas, con calquera cantidade, para axudarnos a cubrir o importe da poxa. Toda achega é importante.
Podes axudar a difundir nas redes sociais, no teu círculo de amizades, podes enviarnos un vídeo de apoio á campaña ao seguinte enderezo: culturadopais@gmail.com
Podes tamén colocar un peto de recadación no teu local aberto ao público.

Como podes facer efectiva a túa achega?
Hai tres posibilidades:

1. A prioritaria, por razóns de urxencia, mediante ingreso na conta bancaria:
ES45 0081 2141 6200 0125 0928.
Titular: A.C. Cultura do País
2. Nos próximos días poremos en marcha un crowdfunding a través dunha das plataformas de micromecenado máis habituais
3. Haberá petos en diversos lugares para facer efectiva a túa axuda en metálico.

Que pasará co teu diñeiro?
No caso de que non se chegue a adquirir o ben, por calquera causa (retírano da venda, que sería o desexable; ou ben non chegamos a cubrir o importe ou a nosa oferta é superada): devolveremos integramente o importe a quen se identifique para tal fin.

No caso de adquirirmos o ben, comprometémonos a:

• dar voz de xeito efectivo na xestión a todas as persoas que colaboren economicamente co proxecto nas actuacións que se realicen para poñer en valor o xacemento.
• darase publicidade da súa achega a aqueles colectivos ou persoas que queiran.
• no caso de recadarmos máis diñeiro do prezo, dedicarase o excedente a proxectos de xestión sustentable e posta en valor do espazo que decidades.

Que prazo tes para colaborar?
Antes do domingo 10 de decembro debemos saber se imos dispór de fondos suficientes para presentar a oferta. Por iso pregámosche que, se tes pensado colaborar, o fagas canto antes. Porén, se finalmente presentamos a oferta, a campaña de micromecenado seguirá activa un tempo máis para completarmos os fondos necesarios para cubrir a oferta.

 

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.