Sábado 18 de novembro: 99º Aniversario do Manifesto de Lugo

Un ano máis en Cultura do País celebramos o aniversario do Manifesto de Lugo, asinado o 18 de novembro de 1918 polos asistentes á Primeira Asemblea Nacionalista no Hotel Méndez Núñez. Para este 99º aniversario preparamos unha xornada de actividades que, como vén sendo xa tradicional, ten o seu colofón coa Festa Dandi, que vai pola súa IX edición.

A xornada comezará ás 12:30 da mañá diante do Hotel Méndez Núñez coa ofrenda floral unitaria que vimos promovendo desde hai anos por parte das entidades culturais nacionalistas da cidade. Despois de realizarmos varias convocatorias en datas históricas do nacionalismo que gardan relación con Lugo demos formato conxunto á Convocatoria Faraldo, marco de actuación que fai referencia ao papel de Antolín Farlado, militante da causa galega que defendera a independencia de Galiza na Asemblea Federal de Lugo de 1843 e fora Secretario da Xunta do Goberno Revolucionario de Galiza en 1846, obrigado a marchar ao exilio pola represión da ditadura de Narváez.

Pola tarde as actividades concentraranse no café O Mesón (r/ Cregos, 31), onde a partir das 20:00 hs. o grupo de teatro da Sociedade Cultural Medúlio de Ferrol interpretará a peza ‘Mal de moitos’ (1915), escrita polos membros da Irmandade ferrolá Uxío Charlón Arias e Manuel Sánchez Hermida. Esta representación, dirixida e adaptada por Francisco Rodríguez Sánchez, que exporá unha contextualización previa do tempo das Irmandades da Fala, e será interpretada por Roberto e Felipe Vázquez Fernández.

Mo mesmo emprazamento a partir das 22:00 hs. terá lugar a Festa Dandi, coa actuación do grupo “decano” deste evento, os ‘Airiños da Freba’, que veñen de presentar recentemente o disco “O’de Lacón”. Como xa é tradicional, outorgaranse os Premios Dandi -que van pola VIII edición- ás persoas asistentes mellor caracterizadas coa estética dandi dos anos 20. A entrada aos eventos (teatro e concerto incluídos) custa 5 euros.

 

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *