Setembro: volve a actividade ao Lar

Despois do descanso dos meses de verán volven os cursos e actividades ao Lar da Cultura do País, retomando os cursos que se viñan desenvolvendo e engadindo novos obradoiros e actividades. Xa está aberta de novo a inscrición no curso de pilates, que terá un horario de luns de 17:45 a 18:45 e venres de 18:30 a 19:30. O custo desta actividade é de 20 euros/mes, 15 euros para socios/as de Cultura do País. 

O sábado 23 de setembro aprenderemos no Lar os conceptos e técnicas básicas para o deseño de cartaces cun curso baseado en programas de software libre (Inkscape e Gimp). A duración será de 4 horas (10:00 a 14:00) e será imprescindíbel levar computador. Esta actividade terá un custo de 5 euros, sendo de balde para socios/as da nosa Asociación.

Pódense facer as inscricións para os cursos en culturadopais@gmail.com

O domingo 1 de outubro celebrarase no Lar da Cultura do País o III Congreso do Partido Froilanista, baixo o lema ‘A soluzón monarco-determinazón’. Ademais do tradicional alarde, desta volta pola coincidencia da celebración do referendo de independencia en Cataluña, celebrarase unha consulta sobre o futuro político da monarquía galega  e un piscolabis no que prestaremos atención aos resultados do referendo catalán. A xornada rematará co xa tamén tradicional concerto tradicionalista do Puto Coro do Exército Froilanista, a partir das 22:00 hs. no Diablo Bar (Rinconada do Miño, 24).

E co San Froilán voltará outro ano máis unha nova edición da Liga Gallaecia de fútebol gaélico mixto. Nesta nova tempada a nosa equipa, as Torques de Lugoslavia, defenderán o título de Liga nun campeonato expandido coa creación de catro novas equipas, formando un total de dez divididas en dúas conferencias (Norte e Sur). A primeira xornada, que se celebrará o sábado 7 de outubro no Campo Municipal de Nadela a partir das 16:00, enfrontará ás Torques co Buril de Sarria e a Fanecas Bravas de Curtis co Cascarilha da Coruña.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.