Mes da Lingua no Lar

Comezamos o mes da Lingua en Cultura do País con dúas actividades relacionadas coa lingua e a tradición oral na cultura galega. O vindeiro venres 5 de maio ás 20:30 presentaremos no Lar da Cultura do País a re-edición da História da Língua em Banda Desenhada, do Grupo Reintegracionista Meendinho, editada pola Através Editora. Na presentación, que será en formato dialogado, participarán o xornalista Germám Ermida e máis Xico Paradelo, un dos autores da obra.  A História da Língua em Banda Desenhada foi, na altura de 1992, un exitoso proxecto do Movimento Defesa da Língua (MDL), ao que se engaden textos de varios autores como Tiago Peres ou Germám Ermida, que contextualizan a obra para que novos/as leitores/as comprendan o por que desa publicación.

O venres 12 de maio ás 20:30 no Lar da Cultura do País retomamos as sesións do noso Clube de Leitura co libro Contos Colorados: narracións eróticas da tradición oral (2011), da autoría conxunta de Xosé Miranda, Xan Cuba e Antonio Reigosa. Nesta sesión contaremos coa presenza de dous dos seus autores, Xosé Miranda e Xan Cuba, cos que teremos unha tertulia sobre o libro. Estes Contos colorados son unha mostra ampla, seria, competente e representativa das narracións eróticas da tradición oral de Galiza. Máis de duascentas narracións tradicionais reelaboradas e coidadosamente anotadas, que amosan unha galería de maridos cornudos, curas putañeiros, acólitos e sancristáns luxoriosos, esposos cansos e pouco espilidos, casadas infieis, monxas lascivas, episodios de zoofilia, artes e enganos de amantes e queridos, descarnadas burlas de todo tipo de comportamentos sexuais… Aos ollos de hoxe, unha alta porcentaxe destas narracións son machistas e en moitos casos retrógadas nas valoracións morais que transmiten; anque noutros casos poidan ser certeiramente críticas e cuestionen de arriba a abaixo os poderosos alicerces do estamento clerical; pero en definitiva veñen sendo a plasmación de como asume ou entende unha sociedade tradicional, hoxe en quebra, determinados valores.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.