á volta dos feriados… máis Cultura do País

En Cultura do País voltamos das ferias cunha chea de actividades na nosa axenda. O vindeiro venres 21 de abril ás 23:00 hs. no Clube Clavicémbalo celebraremos a 7ª edición da Noite da Lusofonía, na que contaremos coa actuación de Gonçalo Guerreiro, que vén de sacar un novo disco –‘Ar’– que contou co mecenado da nosa Asociación. A entrada para a actuación é de 3 euros. Antes, ás 21:00 hs. no Lar da Cultura do País teremos unha cea lusófona (15 euros). Podédesvos anotar na cea en culturadopais@gmail.com até o 19 de abril.

O domingo 23 de abril faremos a inspección de primavera do Proxecto Ríos no río que acordamos custodiar: o río Ladra, en Begonte. Observaremos o estado do río nesta altura do ano e faremos un roteiro polos caneiros. Quedamos ás 9:30 hs. diante da Facultade de Formación do Profesorado para distribuirnos en carros. É preciso levar comida. Podédesvos anotar en culturadopais@gmail.com até o xoves 20 de abril.

Tamén estamos programando novos cursos e actividades arredor da música tradicional. O vindeiro mércores 26 de abril ás 20:00 no Lar convocamos unha xornada de portas abertas para formar grupos para aulas de gaita e percusión, impartidas por Iván Casabella. Se queredes aprender a tocar o tamboril, o bombo ou a gaita podédesvos anotar no noso enderezo de correo-e e acudir á xuntanza, na que se organizarán os grupos e a dinámica das aulas.

O domingo 30 de abril a partir das 11:00 hs. diante da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo faremos un roteiro botánico polo Campus Universitario, guiado polo profesor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC Manuel Antonio Rodríguez Guitián. Esta camiñada terá unha duración de dúas horas e rematará cun xantar de convivio ás beiras do río Miño. É preciso levar comida e podédesvos anotar no noso enderezo de correo-e.

O sábado 20 de maio temos programado no Lar da Cultura do País un obradoiro de trompa de boca, instrumento idiófono de grande tradición na zona da Montaña, que será impartido por Daniel do Pando. O obradoiro terá unha duración de 5 horas (16:00-21:00) e un prezo de 30 euros (25 euros para socios/as de Cultura do País). As prazas serán limitadas e completaranse por orde de inscrición. Non será preciso levar instrumento, pois será proporcionado no propio curso. Podédesvos anotar en culturadopais@gmail.com até o 17 de maio.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.