10 e 11 de setembro: roteiro por Arousa

IIArousaEn Cultura do País estiramos o tempo de lecer do verán cunha nova viaxe á ría de Arousa, cunha programación de fin de semana na Illa de Arousa, Cambados e Catoira. Sairemos o sábado 10 de setembro ás 9:30 de diante da Facultade de Formación do Profesorado, onde nos repartiremos en carros. Visitaremos a Casa Museo de Ramón Cabanillas en Cambados e faremos un roteiro adicado ao poeta no que visitaremos a Torre de San Sadurniño, feudo do trovador medieval Paio Gómez Chariño e escenario das revoltas irmandiñas. Xa pola tarde, embarcaremos na Illa de Arousa até o illote Guidoiro Areoso, que atesoura importantes achádegos arqueolóxicos da Idade do Bronce. Remataremos a xornada cunha visita aos furanchos da zona.

O domingo, despois dun paseo polo Parque Natural de Carreirón, apreciaremos os produtos da ría cunha mariscada. De volta para Lugo faremos unha parada en Catoira para visitar as Torres de Oeste, construídas no S. XI para a defensa contra as invasións viquingas.

O custo da actividade é de 70 euros (65 euros para socios/as de Cultura do País). Inclúe aloxamento na Illa de Arousa, entrada á Casa Museo de Cabanillas, viaxe en barco até Guidoiro Areoso e mariscada. Podédesvos inscribir en culturadopais@gmail.com até o mércores 7 de setembro. Lembrade indicar un teléfono de contacto.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.