Peña Novo e Mártires de Carral, ben; Ramón Ferreiro, mal

 

cartel antifascista21

Desde Cultura do País queremos parabenizarnos polo acordo tomado polo Concello de Lugo relativo ao cambio de nomes do rueiro en relación coa Lei de Memoria Histórica. A nosa Asociación xa ten reclamado desde 2011 que se tomaran medi
das neste sentido e ten presentadas nestes últimos anos varias propostas para dar nome ás rúas do Concello.

Celebramos a toma en consideración por parte do Concello de dúas das propostas feitas por Cultura do País. Así, a rúa Tenente Coronel Teijeiro pasará a chamarse Lois Peña Novo e a Praza Comandante Manso recuperará o nome de Mártires de Carral, que xa tiña antes do golpe de Estado de 1936. Malia a valorarmos positivamente o cambio no rueiro, amosamos a nosa decepción polo carácter incompleto deste, que deixa aparcada outra solicitude nosa referente á Avenida Ramón Ferreiro, que leva o nome do Jefe Provincial do Movimiento e procurador nas Cortes franquistas nos primeiros anos despois do golpe. En outubro de 2011 Cultura do País pedira que se puxera a esa avenida o nome do poeta monfortino Lois Pereiro, ao que se adicaba o Día das Letras daquel ano.

Botamos en falta unha actuación decidida na eliminación de simboloxía e nomenclatura fascista dos espazos públicos. Consideramos que a lexislación é ben clara ao respecto e tan só se trata de ter vontade de aplicala. Porén, desde a nosa Asociación seguiremos presionando e presentando propostas para que se tomen medidas ao respecto.

 

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.