21 e 22 de novembro: Festa Dandi e fútebol gaélico

FdandiXa está aquí un ano máis unha nova edición da xornada que Cultura do País adica á conmemoración do aniversario do Manifesto de Lugo, da primeira Asemblea Nacionalista que tivo lugar na nosa cidade o 18 de novembro de 1918. Desta volta, terá lugar a tradicional ofrenda floral ás 20:00 hs. no Hotel Méndez Núñez e, posteriormente, a Festa Dandi, que celebraremos na Cafetaría Casablanca (Avda. da Coruña, 60) a partir das 22:00 hs. Contaremos cunha proxección de cinema mudo acompañada ao piano por Miguel Fontenla. Despois actuarán os Airiños da Freba, abondo coñecidos nas terras luguesas, que recuncan no dandismo catro anos despois da súa primeira colaboración con tan magno evento. Haberá petiscos e festa rachada, e tampouco faltarán os Premios Dandi, que na súa V Edición repartirán extraordinarias pezas de olaría de Bonxe entre os/as asistentes mellor caracterizados/as.

TorquesVenres dandi e sábado gaélico. A nosa equipa, os Torques de Lugoslavia, afrontará no campo de Nadela a partir das 13:00 hs. unha nova xornada da Liga Gallaecia,  contra o Suévia de Compostela. Os Torques, actuais líderes da liga, defenderán o seu posto ante a equipa compostelana, nun encontro de rivalidade máxima. As Nadela Partisans asistirán en masa animar a súa equipa en tan relevante encontro. Posteriormente celebraremos o terceiro tempo no Lar da Cultura do País, a partir das 15:00 hs. 

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.