Venres 9 de maio: presentación de ‘Argola’

Comezamos o mes da lingua coa presentación do último poemario de Marta Dacosta, ‘Argola’, gañador do Iº Premio de Poesía O Figurante. Trátase dunha obra na que se fai unha revisión histórica do concepto de dominación, en boa parte dominación exercida sobre a muller, sustentándose nunha voz que é a dunha escrava en tempos do Imperio Romano: unha escrava singular que se debate entre os anceios de liberdade e daquilo que simboliza para o seu pobo e unha vontade anoada a unha  argola que é símbolo de atadura e que a somete aos intereses dos colonizadores. Malia todo, sempre permanece incólume nela o seu desexo de liberdade, do seu entorno feminino e  do seu pobo.

Neste poemario a autora recorre a elementos constantes na súa obra, como a presenza simbólica do mundo do mar e da auga, a loita contra o destino escrito por outras mans e contra o propio desexo, a presenza de figuras femininas heroicas e admirables; que representan unha muller que supera a visión convencional e circunstancial.

No acto, que terá lugar o venres 9 de maio a partir das 20:00 hs. no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5), contaremos coa presenza da autora, da tamén poeta Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán en representación da editora O Figurante.

 

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.