Solsticio de Inverno: chega o Apalpador e partido da Selección

Cultura do País xa ten programadas actividades para as festas do Solsticio de Inverno, tamén coñecidas como Nadal. Combinaremos a recuperación da tradición galega do Apalpador coa colaboración con eventos que van ter lugar na cidade de Lugo, como é o caso do partido da Selección Galega, organizado pola plataforma Siareiras Galegas.

Outro ano máis volta o Apalpador ao Lar da Cultura do País. A súa chegada está prevista para o luns 23 de decembro ás 17:3o. Realizaremos actividades dirixidas a crianzas de todas as idades: contacontos, xogos, música e actividades plásticas todas ao redor da figura do carboeiro que baixa da Montaña para traer agasallos a nenos e nenas. Tamén teremos preparada unha merenda para as asistentes.

O venres 27 de decembro a partir das 20:00 teremos unha conferencia no Lar da Cultura do País, organizada con motivo de dar a coñecer a reivindicación do dereito á participación das seleccións deportivas galegas en competicións oficiais, que estará presente na seguinte xornada, o sábado 28, co xogo Galiza-Occitania de fútebol. A palestra, impartida polo Doutor en Historia Andrés Domínguez Almansa, profesor da Facultade de Formación do Profesorado, leva como título ‘Modernidade e identidade. Os inicios do fútbol en Galiza e o agromar da selección galega’. Farase un achegamento a como xorde o fútebol en Galiza e como axiña se converte nun evento vencellado á identidade e a unha idea de Galiza en construción.

E o sábado 28 de decembro pola mañá teremos unha nova xornada da Liga Gallaecia de fútebol gaélico, de novo no Nadela Area. Ás 12:00 xogarase o partido entre Ambilokwoi de Vigo e Cascarilha da Coruña e ás 13:00 chegará a quenda da nosa equipa, os Torques de Lugoslavia, que se enfrontarán ao Suévia de Compostela.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.