Decembro: novo libro de Manuel Gago e roteiro pola Mariña

Cultura do País continúa a organizar presentacións de libros en decembro. Desta volta tócalle á última obra de Manuel Gago, director do portal culturagalega.org e profesor de Ciencias da Comunicación na Universidade de Santiago. Trátase de Vento e chuvia, unha mitoloxía da antiga Gallaecia; no que se fai unha reconstrución da mitoloxía galaica da Idade do Ferro. Un libro que é máis que un formato físico en papel, pois compleméntase cun código que permite acceder online a materiais complementares. Na presentación que temos preparada, que terá lugar o vindeiro venres 13 de decembro ás 20:00 na Sala de Exposicións do Pazo da Deputación (R/ San Marcos, 8), contaremos coa colaboración do grupo de recreación histórica Taranis, que fará unha presentación escenográfica do acto.

O domingo 15 de decembro a nosa sección Ultreia volve organizar un roteiro, nesta ocasión á Mariña lucense, en colaboración co Colectivo Cultural Buril, de Burela, e Mariña Patrimonio. Visitaremos os castros de Fazouro e Marzán, a mina romana de Espiñeira e máis o lugar do achado do torques de Burela, peza simbólica e senlleira do noso patrimonio que acabou sendo expoliado do Museo Provincial de Lugo. Desprazarémonos desde Lugo nun autocarro que sairá ás 9:30 de diante da Facultade de Maxisterio, na futura Avda. de Reimundo de Borgoña (aínda Ramón Ferreiro). O custo da viaxe é de 15 euros, incluíndo desprazamento e xantar; con prezo reducido de 10 euros para socios/as de Cultura do País.

Podédesvos inscribir en culturadopais@gmail.com, antes do 11 de decembro.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.