Maio: mes da lingua… e moito máis

O mes de maio está adicado á lingua en Cultura do País, mais tamén temos unha ampla oferta de actividades que vos avanzamos a continuación.

O vindeiro venres 10 de maio organizamos a partir das 20:30 na Sala Velvet Underground (R/Dr. Fleming, 1) un Recital de poesía erótica no que participarán até unha ducia de poetas, presentadas por Lois Pérez. Darase voz a novas creadoras que están a presentar as súas obras e mesmo a gañar premios, xunto a autoras consolidadas, como é o caso de Carme Blanco, Alberte Momán, Xosé Estévez, Eugénio Outeiro, María Xosé Fernández, Paco Souto, Natalia Alonso ou o portugués Virgílio Liquito. Ao remate, ás 22:30, celebraremos no Lar da Cultura do País unha festa irlandesa, para recadar fondos para material para a recentemente xurdida equipa de fútebol gaélico da Asociación, os Torques de Lugoslavia.

Ademais disto, como todos os venres, continuamos a ter no noso local os obradoiros de contacontos en galego de 17:30 a 18:30 a cargo de Anima Acción.

O martes 14 de maio ás 20:00 no Lar da Cultura do País terá lugar a presentación do novo libro do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón. Esta obra, que leva como título Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez ten como principal finalidade animar ao uso do galego, reducir o número de “galego-calantes”: de xeito desenfadado e mediante anécdotas, neste libro práctico ofrécense consellos para darmos o paso de usar o galego e para mellorarmos a nosa calidade lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos aprendidos e asumindo que os problemas con que nos encontramos, moitas veces, non son de orixe gramatical senón social.

O 17 de maio, Día das Letras, chamamos a participar na mobilización convocada pola Plataforma Queremos Galego, da que facemos parte, ás 12:00 na Alameda de Compostela, baixo o lema ‘Non queremos ser estranxeiras na propia Patria’. Asemade, animamos a participar da campaña desenvolvida pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) baixo o lema ‘Multiplica x100 a tua língua’.

As actividades arredor do idioma continúan coa Festa pola Lingua que organizamos conxuntamente coa Liga Estudantil Galega, coa que nos queremos sumar á reivindicación contra a LOMCE e aportar o noso grao de area á loita da comunidade educativa contra a privatización e españolización do ensino. É por isto que lle puxemos como lema ‘En galego, sen Wert-goña’. Contaremos cun espectáculo variado, coa actuación do monologuista Anxo Manoel (do grupo Menos dá unha pedra) coa peza ‘Animaliños. Homenaxe a Roberto Vidal Bolaño’ e posteriormente festa rachada cos Ultraqäns. Todo isto o venres 24 de maio a partir das 23:00 hs. no Clube Clavicémbalo (R/Paxariños, 22) e coa colaboración da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Contínua da Universidade de Santiago de Compostela.

Para completar a actividade mensual, a nosa sección Ultreia Mocidade e Patrimonio ten preparado un novo roteiro para o domingo 26 de maio, desta volta polas Terras de Burón, para visitarmos a sauna celta e o castro de Castañoso. Percorrerase o roteiro de montaña entre Maderne e Os Vaos. Os puntos de quedada para distribuírnos en carros serán ás 9:00 hs. diante da Estación de Autocarros de Lugo e ás 10:15 hs. diante do Museo da Fonsagrada. É un roteiro de dificultade media-alta, cunha duración aproximada de 6 horas. Recoméndase levar comida e bebida, así como roupa e calzado axeitados. Inscricións en: culturadopais@gmail.com.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.