Xoves 26 de abril: 2ª Noite da Lusofonía

Cultura do País, en colaboración co Departamento de Português da Escola Oficial de Idiomas de Lugo, celebra o vindeiro xoves 26 de abril a segunda edición da Noite da Lusofonía, evento co que pretendemos explicitar o carácter internacional da lingua galega e reforzar os lazos culturais cos países lusófonos. A primeira edición foi adicada a Angola e contou cunha actuación de Aline Frazão. Esta segunda edición, adicada a Portugal, quixémola enmarcar entre dous acontecementos: o 25 de Abril, data da Revolução dos Cravos, e mailo 40 Aniversario do concerto do Zeca Afonso en Lugo en 1972.

O 25 de Abril de 1974 prodúcese o golpe militar levado a cabo polo Movimento das Forças Armadas e apoiado polas masas populares que pon fin ao longo réxime ditatorial do Estado Novo. O termo Revolução dos Cravos débese a un episodio deste levantamento popular, no que unha florista de Lisboa repartíu caraveis entre o pobo que tomaba a rúa, quen os ofrecían aos militares para os colocaren sobre as escopetas. A clave para iniciar o levantamento era a transmisión da canción Grândola, Vila Morena, de Jose Afonso, no programa Limite da Rádio Renascença. Esta canción fora ilegalizada polo goberno despois de gañar o Festival RTP da Canção por incitar ao comunismo. Esta canción fora cantada por primeira vez en Galiza no concerto que José Afonso dera no Burgo das Nacións en Compostela o 10 de maio de 1972, nunha xira que realizara polo noso país e pola cal fixera parada en Lugo o día anterior para ofrecer tamén un concerto. Este concerto tiña unha significación de loita antifascista nun contexto ditatorial tanto en Portugal como no Estado Español.

Leva, pois, como título Portugal: Abril Sempre, e contará coa actuación do lisboeta Gonçalo Guerreiro, destacado escenógrafo no seu país e integrante da compañía de teatro galego-portuguesa Elefante Elegante, que nos vai presentar unha sesión de fado electónico. A actuación será no Clube Clavicémbalo (R/Paxariños, 23) a partir das 23:00hs. O prezo da entrada é de 5 euros, con prezo reducido de 3 euros para socios/as de Cultura do País.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Xoves 26 de abril: 2ª Noite da Lusofonía

  1. Pingback: Noite da lusofonia: Portugal, Abril Sempre!

Os comentarios están pechados.