Presentación das vindeiras actividades


Cultura do País vén de presentar en rolda prensa na Galería Sargadelos, canda representantes dos Departamentos de Português da Escola Oficial de Idiomas e máis dos centros de ensino medio da cidade de Lugo, a programación conxunta que teñen conxunta para a vindeira quincena e que vira arredor da celebración da Revolução dos Cravos e do 40 aniversario do concerto do Zeca Afonso en Lugo.

Esta programación comezará o vindeiro xoves 26 de Abril, no que a nosa Asociación Cultural celebra a 2ª edición da Noite da Lusofonía, en colaboración co Departamento de Português da Escola Oficial de Idiomas. Desta volta, o concerto adicado a Portugal co gallo do aniversario da Revolução dos Cravos, levará como título Portugal: Abril Sempre, e consistirá nunha actuación do fadista electrónico Gonçalo Guerreiro. Dará comezo ás 23:00 no Clube Clavicémbalo. A entrada custa 5 euros, habendo un prezo reducido de 3 euros para socios e socias de Cultura do País.

O seguinte evento celebrarase o sábado 5 de maio e consistirá na Homenaxe ao Zeca Afonso polo 40 aniversario do concerto que deu en Lugo en 1972. Trátase dunha programación completa dunha xornada en colaboración coa Associação Jose Afonso (AJA) e os departamentos de português da EOI e máis dos IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e Ánxel Fole; así como da Concellaría de Cultura e Turismo do Concello de Lugo.

Nesta xornada haberá unha parte máis formativa e outra lúdica. Comezarán as actividades formativas xa de tarde (16:30) no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes cun Café Escandinávia, no que a xente que acudíu a aquel concerto porá en común a súa experiencia. Posteriormente terá lugar (17:30) unha palestra de Paulo Esperança, do Núcleo Norte da AJA á que seguirá un concerto-espectáculo do grupo de Canto de Intervenção dese colectivo (19:30). Todas estas actividades, a celebrar no devandito instituto, son de entrada libre e gratuítas.

Como broche a esta xornada, celebrarase un concerto con João Afonso e Fred Martins a partir das 23:00, de novo no Clube Clavicémbalo. O custo das entradas é de 15 euros, con prezo reducido a 10 euros para socios e socias de Cultura do País.

As entradas para ambos espectáculos -Noite da Lusofonía e concerto de João Afonso+Fred Martins- estarán á venda anticipada na Libraría Trama (Avda. da Coruña, 21) e máis no Clube Clavicémbalo (R/Paxariños, 23).

Podedes ver algúns fragmentos da rolda de prensa na nosa Canle de Youtube.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.