E para vivir… Lugo: crónica

O pasado venres 13 de abril tivemos a terceira sesión que pechaba o ciclo de Monólogos na Abadía, promovido por Cultura do País. Nesta, Anxo Lamelo, integrante do grupo Menos dá unha pedra, presentounos ás persoas asistentes o monólogo “E para vivir, Lugo”.

Un científico do Campus analiza os aspectos definitorios da sociedade lucense: os seus costumes, os sinais de identidade do lucensismo, persoeiros ilustres e festas e acontecementos destacados. Vestido coa súa bata branca e recén saído do laboratorio procedeu a diseccionar en capítulos os elementos diferenciais do ser lucense.

Mereceron especial atención as super-criticonas, o alto nivel de atropelos que se produce na provincia e mailas tapas especiais que se serven nalgúns ‘bares’ de Lugo, facendo mención á especialidade culinaria da tarta de 8 pisos do Garañón. Tamén nos explicou de onde vén o odio secular entre lucenses e coruñeses/as e a envexa que estes/as nos teñen.

O deporte ocupou outro dos temas do estudo científico, facendo un repaso polas equipas lucenses, e mesmo polos deportes de risco aos que a veciñanza da cidade se adica cando fai deporte polo Paseo do Rato, preparándose para as carreiras do ‘Corre con Noos’.

En canto a edificios senlleiros, expuxéronse as tradicións ancestrais lucenses arredor da Muralla e o impacto social da construción do edificio do Novo Hospital, o HULA. E como non, falando de tradicións, as Festas do San Froilán -“as do santo, non as do torpe“- e o costume de comer o polbo -que todo o mundo sabe que ten que ser con viño-, ao que vai asociado o ‘tour dos masoquistas’ ao longo das atraccións que hai instaladas no recinto feiral. Fíxose aquí unha parada para facer un estudo de campo co relato do episodio dos valentes da Piringalla na Pasaxe do Terror.

No apartado de persoeiros ilustres destacáronse a ‘La Bicicleta’, Dorribo e o catálogo actualizado de políticos lucenses. Mais este apartado xa se converteu nun estudo multi-disciplinar, coa colaboración de Eros Ramazzotti, Fofito e mesmo Joaquín Sabina, que lle permitíu ao publico asistente ter unha caracterización máis completa da sociedade lucense.

Podedes ver algúns anacos deste espectáculo na nosa Canle de Youtube.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.