Digna Rabia: crónica gráfica

O pasado xoves 14 de Abril tivo lugar o videoforo organizado pola Asociación Cultural Cultura do País sobre a situación da muller no franquismo. Esta actividade supuxo a presentación e estrea en Lugo do documentario Digna Rabia, elaborado pola Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas.

Antón Fernández Escuredo, xornalista e membro dese colectivo, implicado activamente na elaboración do documentario fixo unha explicación da temática do mesmo e do proceso de recollida de materiais e informacións, destacando os fondos de memoria oral de Moaña e fragmentos do NO-DO, alén dos testemuños de mulleres ligadas aos movementos feministas xurdidos nos últimos anos da ditadura.

Puidemos ollar ao longo do documentario as intervencións de mulleres destacadas no movemento feminista e nas organizacións antifranquistas, como é o caso de María Xosé Queizán, Nanina Santos, Lidia Senra ou Pencha Santasmarinas. A través destes testemuños coñecemos a opresión estrutural que exercía a ditadura sobre as mulleres e as dificultades coas que contou a loita feminista nos primeiros anos, no seo dos partidos da esquerda e tamén na sociedade.

Tamén puidemos escoitar os testemuños de mulleres represaliadas e de familiares de vítimas do franquismo e de mulleres do común sobre os aspectos da vida cotiá nos que as mulleres estaba relegadas a un segundo plano ou excluídas da esfera pública.
Ao remate da proxección tivemos un breve pero animado coloquio sobre o vídeo.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.