Xoves 14 de Abril, Videoforo: Digna Rabia

O vindeiro xoves 14 de abril, a partir das 20:00 terá lugar no Salón de Actos do Centro de Convivencia “Maruxa Mallo” unha nova actividade da Asociación Cultural Cultura do País.

Tal e como fixemos os anos anteriores, programamos para o aniversario da proclamación da Segunda República (14 de Abril de 1931) unha actividade sobre a memoria histórica: desta volta, presentamos o documentario Digna Rabia, producido pola Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas.

Este documentario versa sobre o papel da muller baixo a ditadura franquista, concretamente a represión sufrida polas mulleres e o contexto de submisión e invisibilidade ao que son condenadas polo réxime. Asemade, achégase ao xurdimento dos movementos feministas nos últimos anos da ditadura.

Nesta sesión de videoforo intervirá unha das persoas que participou activamente na elaboración do documentario, o xornalista Antón Fernández Escuredo.

Animámosvos especialmente a participar nesta nova actividade da nosa Asociación.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.