Roteiro urbano pola historia de Lugo: crónica gráfica

Este sábado 5 de febreiro, a partir das 16:30 hs., tivo lugar o roteiro que a Asociación Cultural Cultura do País programara pola zona histórica da cidade de Lugo.
O obxectivo desta actividade era o de poñer en valor feitos e persoas da historia e da cultura do noso país que tiveran relación coa cidade. Pretendíase chamar a atención sobre a necesidade de termos presentes estes feitos, que en boa medida ficaban no descoñecemento ou na indiferencia no día a día da cidade.
Acompañada do bo tempo nunha solleira tarde de sábado iniciaba a andaina na Praza do Campo para irmos visitando lugares e persoeiros: Aureliano Xosé Pereira, o local do Partido Galeguista na Segunda República, Fernán Esquío, a vivenda de Carvalho Calero na súa etapa lucense, os locais das editoriais Celta e Ronsel ou as casas natais de Xoán Montes e Luís Pimentel foron algunhas das paradas do roteiro; nas que varios membros da nosa Asociación foron explicando a relevancia que eses lugares ou persoas tiveron.
Esta actividade tiña, ademais, un contido reivindicativo: o de denunciar publicamente a persistencia nas rúas da nosa cidade de nomes de militares golpistas e autoridades civís da ditadura franquista, recentemente ampliada coa designación dos nomes de alcaldes da época franquista a cinco novas rúas da nosa cidade. Non se debe tolerar que se fagan distincións e que ocupen un espazo destacado nas nosas prazas e rúas persoas que se sublevaron contra un goberno lexítimo e que perseguiron as liberdades e a lingua e a cultura propias de Galiza.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Roteiro urbano pola historia de Lugo: crónica gráfica

  1. estévez di:

    -Quería dicir que é tristísimo que a día de hoxe, enterrado o monstro, ese animal aborrecible, o fagocitador de toda discrepancia, o que asoballou a millóns de persoas, é moi triste que os nomes dos verdugos, os nomes dos atilas… os daqueles que se rían cando nenos de que os paxaros toparan cos valados logo de pincharlles os ollos e que cando medraron foron “de aquiles” segundo escribiu Luís Pimentel no seu poema Xogo ruín, eses nomes e non os dos represaliados son os que aínda figuran en moitas rúas e prazas. O réxime ditatorial foi unha máquina de terror, unha fábrica de dor e o seu máximo dirixente unha besta moi fera, sen sentimentos, que deixou moitos acólitos que aínda están vivos campando polas rúas e nas institucións. E agora podes falar ti.

    Así se expresa unha personaxe dunha novela -Fugaz coincidencia no traxecto-, que inda que xa está rexistrada, continúa en construción. Que a día de hoxe representantes dos cidadáns defendan -e protexan- os nomes dos asasinos é síntoma de que algo non funciona ou funciona moi, pero que moi mal ¿Estamos todos tolos…?

Os comentarios están pechados.