
«Avisar, acordar, animar e; sobre todo, libertar, agitar e dar poder« … o repertorio do Zeca na expresión musical e poética do grupo de Canto de Intervenção do Núcleo Norte da Associação José Afonso (AJA) fixo vibrar e dar azos ao público asistente neste tempo de desesperanza imposta. Unha magnífica interpretación e posta en escena no hemisferio da programación.
Comezou a xornada na biblioteca do IES Ollos Grandes coa sesión de ‘Escandinávia Bar’, na que persoas que asistiron a algún dos tres concertos do Zeca Afonso en Lugo nos anos 70 expuxeron a súa memoria daquel tempo, do que representaba para eles o cantautor portugués nun contexto de ditadura fascista na que a persecución contra a oposición e o movemento estudantil era diaria e sistemática; contexto no que o ‘Grândola, Vila Morena’ se chegaría a converter nun himno da loita antifranquista.
Esta conversa serviunos para coñecer que houbo, cando menos, tres visitas do Zeca a Lugo desde o primeiro concerto, en 9 de maio de 1972 no Círculo das Artes, do que temos constancia a través do testemuño de Arturo Reguera, até o de 1975 no auditorio do barrio do Sagrado Corazón, acompañado por outros cantautores, entre eles o galego Benedicto (Voces Ceibes). Hai datos dunha outra presenza para realizar un concerto, probabelmente canda Luis Cilia, en marzo de 1973, que foi prohibida polas autoridades franquistas. No concerto do Sagrado Corazón, do que existe unha memoria máis nidia por parte das persoas asistentes, as e os militantes nacionalistas exhibiron diante do público unha faixa coa lenda «Viva Galiza Ceibe» cando o Zeca interpretaba o ‘Grândola’.
Rematou este primeiro acto coa interpretación colectiva por parte das persoas asistentes da canción de José Afonso ‘Escandinávia Bar-Fuzeta’, que daba nome á actividade. Despois, unha pausa para departir informalmente entre o público acompañando a conversa cun café, un viño de Porto ou un boliño. Seguidamente, Paulo Esperança, do Núcleo Norte da AJA, fixo un percorrido polo triángulo máxico do Zeca, formado por tres territorios que marcaron o espírito cívico e social da súa obra: África, Portugal e Galiza. A súa vinculación co noso país foi moi forte e el mesmo afirmara en varias ocasións que se sentía moi aprezado e comprendido polo público galego, reforzando o lazo cultural e lingüístico que nos une con Portugal.
Xa deslocado o público ao Salón de Actos do instituto, chegou a actividade que pechaba a sesión de tarde nese centro. Ante un público que ateigaba a sala e se amosaba entregado co espectáculo, o grupo de Canto de Intervenção da AJA fixo unha didáctica e amena contextualización das loitas sociais que recollen as distintas expresións do canto de intervención en Portugal e noutras partes do mundo: Boris Vian, Bob Dylan, Víctor Jara, Sérgio Godinho, Rui Mingas, Adriano Correia de Oliveira e, por suposto, José Afonso. Especialmente agradábel foi a interpretación de ‘Achega-te a mim, Maruxa’, do Zeca Afonso, e ‘Cantar de emigração’ -a partir da letra de Rosalía- de Adriano Correia de Oliveira. Un longo e animado concerto que rematou coa interpretación colectiva do ‘Grândola’ por todo o auditorio.
O broche dourado da xornada púñao o concerto de João Afonso e Fred Martins no Clube Clavicémbalo. Co cartaz de «aforo completo» e un público entusiasta, estes dous marabillosos intérpretes desenvolveron o seu repertorio, salferido de pezas do Zeca como ‘Canta camarada, canta’, ‘Vampiros’ e, como non, a canción coa que rematou o concerto con toda a sala a coro toda a sala, máis unha vez, a última na xornada mais non seguramente a derradeira da noite na gorxa dos e das asistentes: ‘Grândola, Vila Morena’.
Podedes ver unha completa cobertura dos eventos por parte da Canle de Youtube cousasdelugo11 e, proximamente, un outro vídeo elaborado polo portal GZ Vídeos.
Desde Cultura do País queremos expresar o noso conforto polo desenvolvemento da xornada, agradecendo especialmente ao profesorado e máis o alumnado de português da Escola Oficial de Idiomas e dos IES Ánxel Fole e Ollos Grandes a súa implicación e participación activa na xornada de homenaxe.
